A ARTE DIABÓLICA DE XAQUÍN MARÍN
SIRO

Title:
The Diabolical Art of Xaquín Marín
Resumen / Abstract:
Xaquín Marín debeu de facer de novo un pauto do demo: ten exercido sempre a profesión de ilustrador coma un mestre, cun estilo que non ten precedentes nin terá continuadores. Un estilo persoalísimo, mais profundamente galego, ao que chegou por intuición e co que leva medio século debuxando viñetas, carteis, ilustración e banda deseñeda. Marín é un deses rarísimos artistas que agroman no seu tempo cunha descomunal forza anovadora para nos daren unha visión plástica da realidade nova e irrepetible. / It seems that Xaquín Marín made a pact with devil: he has always drawn as a master, with a style withouth precedents and followers. A very personal style, but deeply Galician, with which he has drawn cartoons, posters, illustrations and comics for half a century. Marín is one of those rare artists who spring up in his time with an enormous renewing force to give us a new and unrepeatable plastic vision of reality.
Palabras clave / Keywords:
Xaquín Marín, Humor gráfico gallego, Cómics en Galicia, estilo gráfico/ Xaquín Marín, Galician Satiric Cartoons, Galician Comics, graphic style
Notas:
Este documento ha sido traducido al español por Félix Caballero en esta misma revista.

A ARTE DIABÓLICA DE XAQUÍN MARÍN

É curioso que a facilidade para a creación artística non se vexa como un don da divinidade, senón como algo diabólico. Mesmo nos músicos, malia termos as expresións “música celestial” e “tocar coma os anxos”, ante intérpretes xeniais como Niccoló Paganini[1] e Giuseppe Tartini[2], foi crenza xeral que fixeran un pauto co demo. A Platón preguntáronlle por que de dous irmáns xemeos un era poeta e outro non, e respondeu que o poeta leva un demo dentro; e Henry Bergson (1973: 32), ao describir a arte do caricaturista, cualifícaa de “diabólica”.

             
           
  “O fuxitivo”, unha historieta protagonizada polo pé, publicada en 1975 en El Ideal Gallego. © 1975 Xaquín Marín.          
             

Confeso que tamén eu levo corenta anos coa sospeita de que Xaquín Marín fixo, de rapaz, un pauto co demo; e direivos por que.

–Todos cantos nos dedicamos á creación plástica imos aprendendo o oficio pouco a pouco e descubrindo novas posibilidades día a día. Marín non; Marín naceu aprendido e desde o día que publicou a primeira viñeta ata hoxe, exerceu a profesión de ilustrador como un verdadeiro mestre.

–Cantos nos dedicamos a isto de transformar en imaxes o noso vivir, temos referentes. Todos aprendemos de alguén, de varios ou de moitos. Xaquín non; o estilo de Marín non ten precedentes no mundo do grafismo; nin terá tampouco continuadores porque é seu, só seu,

–Cando Marín empezou a publicar as primeiras viñetas non coñecía a conferencia “Arte e galeguismo”, que ditara Castelao en 1919 para explicar que ser artista universal non consiste en imitar o que se fai en París, en Nova York e demais centros culturais e artísticos do mundo, senón en facermos arte galega; porque só sendo galegos, falando plasticamente en galego, seremos universais (Castelao, 2000). O Marín mozo chegou á mesma conclusión pola súa conta, e o seu estilo –díxeno noutras ocasións– ten o arrecendo e o sabor das nosas viandas tradicionais. Ante unha viñeta sinxela, penso: “Esta é románica, coma a bola[3]”. Ante outra, traballada con milleiros de riscos, razoo: “Esta é barroca, coma a empanada”. Porque a obra de Marín síntese como algo deleitoso non só para a vista, senón tamén para as papilas. E eu goréntome cos seus debuxos con verdadeira gula.

–Con ese estilo persoalísimo, Xaquín Marín leva medio século debuxando viñetas, carteis, ilustracións e banda deseñada. Aclaremos isto, porque abonda a literatura trabucada. En Galicia faise moita e moi boa banda deseñada, sen dúbida; pero a banda deseñada galega, o “cómic” galego, é o que fai Xaquín Marín[4]. E a pregunta volve ser a mesma: “¿Como puido o mozo Xaquín Marín descubrir a pedra filosofal do grafismo, na intimidade do seu estudo?”.        

 
O expresionismo da pintura de Marín está tamén nas súas primeiras viñetas.
© 1978 y 1975 Xaquín Marín.
 

–Se a intuición que Marín ten ao escoller as series de humor gráfico que vai realizar, a tivese nos xogos de azar, forraríase. Non é así e o acerto redúcese ao labor de creación: o Gaspariño, doce e tenro, que ilustrou os libros de texto no comezo da Autonomía, foi un enorme éxito[5]; coma o dos Pés, tremendos pés como apisoadoras, sobre sufridos cidadáns que comentan a situación; sempre, con enxeño, sempre cun humor desacougante para o lector. ¿Cantas viñetas cos Pés faría Marín? ¡Nin os pés de Messi dan tanto xogo!

Eu teño especial querenza polas viñetas do lixo, de moreas enormes de lixo que devora a paisaxe en debuxos espléndidos; auténticas obras de arte as máis das veces.

Dixen que a serie dos Pés desacougaba ao lector[6]. É certo. Á maioría facíaos reflexionar, que era do que se trataba; e a outros cabreábaos[7]. E moito. Tanto como outra serie, na que o rico ía a cabalo dun paisano.

            
A figura humana evoluciona, mais non perde nunca o hieratismo nin a rotundidade escultórica. © 1976 y 1990 X. Marín.  Moderno home das cavernas. Premio Paleta Agromán 1982. © Xaquín Marín

Os dous eramos colaboradores de El Ideal Gallego cando Marín mandaba, un día si e outro tamén, as viñetas do ricachón a cabalo do pobre. O presidente do Consello de Administración da Editorial Católica –un vello aristócrata con título nobiliario- subía polas paredes cada vez que vía unha no Ideal, e mandáballe recado a Rafael González, o director, para que despedise ao debuxante. Rafael deixaba de publicalas uns días e quen se cabreaba era Marín, que lle mandaba cartas de protesta, ilustradas con debuxos agresivos. Rafael, gran xornalista, gran persoa e gran amigo, chamábame por teléfono cada noite e contábamo entre risas. Eu ofrecíame para explicarlle a Marín a situación, pero dicíame que non; que as cartas o divertían moito e que as gardaba como recordo[8].

Porque o humor de Xaquín Marín, sen ser verdadeiramente satírico –as máis das súas viñetas encaixan no “humorismo benévolo” que se dirixe á intelixencia e á sensibilidade para divertir e conmover (López, 2015)[9]–, pode resultar tremendamente irritante para quen se sinte aludido e sinalado como inxusto.

                
Denuncia da domesticación da lingua galega. Um bo exemplo de que Marín non se cansa nunca de trazar raias. © 1989 X. Marín.       Unha intelixente denuncia do racismo. 1º Premio da VIII Bienal Internacional de Humor e Sátira nas Artes de Gabrovo 1987. © 1997 Xaquín Marín.

Hai moitas outras preguntas que me suxiren os debuxos de Marín, para as que non teño resposta; pero ante o enorme e espectacular conxunto da súa obra, tan igual e tan distinta; tan humilde e tan rica; téñome que preguntar se coñezo un caso semellante dun artista que agroma no seu tempo con tal forza anovadora; cun facer diferente a todo o coñecido, a todo o que virá despois. Non son dado á esaxeración superlativa; gústame o rigor e a mesura no xuízo crítico da obra artística, por grande que sexa a amizade que me una ao autor. Porén, ao responder esta interrogante só se me ocorren os nomes de dous xenios: O Bosco[10] e Matthias Grünewald[11].

A O Bosco e a Grünewald úneos o misterio da súa identidade e a orixinalidade das súas obras. Son dous creadores portentosos, dos que nada sabemos. Cando escribía estas liñas tiven curiosidade por saber que opinaba deles o mestre Gombrich e consultei a súa Historia da Arte. Alegroume comprobar que, coma min, tamén el os relaciona:

O mesmo que Grünewald, O Bosco demostrou que os métodos da pintura, que evolucionaran no sentido de representar a realidade de maneira máis verosímil, podían volverse do revés e ofrecernos unha visión das cousas que ninguén vira xamais  (Gombrich, 1997: 356).

   
Xinetes. Arquetipo do abuso de poder. © 1997 Xaquín Marín.   Vertedoiro. A denuncia do consumismo disparatado. Un dos símbolos marinianos con máis forza visual. © 1987 Xaquín Marín.

Iso fixo Xaquín Marín en Galicia: darnos unha visión plástica das nosas cousas, como ninguén vira xamais. Velaí por que, despois de cincuenta anos de amizade, camiñando moitas veces un a carón do outro, hoxe, ao falar do meu admirado amigo por última vez, deixo os panos quentes e as medias tintas, para dicir o que penso de verdade: Non é que o sospeite; estou completamente certo de que a arte de Xaquín Marín é diabólica porque fixo un pauto cun demo. ¡Se non é el mesmo un “anxo rebelde”, porque, tan alto, tan pálido, con eses pelos e barbas asilvestrados e o ollo pipo, non sei eu!

 

Referencias bibliográficas

BERGSON, H. (1973): La risa. Madrid: Espasa-Calpe. (Primeira edición en francés: La rire, 1900).

CASTELAO, A. D. R. (2000): “Arte e galeguismo”, en Monteagudo, H. (coord.), Castelao. Obras 4, Vigo, Galaxia, pp. 133 y ss. Conferencia ditada na exposición de Imeldo Corral na Coruña o 25 de outubro de 1919.

GOMBRICH, E. H. (1997): La Historia del Arte, Madrid, Debate. (Primeira edición en inglés: The Story of Art, Phaidon Press, 1950).

LÓPEZ, S. (2015): Castelao en el arte europeo, Ourense, Duen De Bux / Edición de María Victoria Carballo-Calero.



[1] Niccolò Paganini (Génova, 1782Niza, 1840) foi un violinista, violista, guitarrista e compositor italiano. Está considerado un dos violinistas máis virtuosos de todos os tempos e contribuíu coas súas achegas ao desenvolvemento da moderna técnica violinística. Os seus 24 caprichos para violín Op. 1 son unha das súas obras máis coñecidas e teñen servido de inspiración a numerosos compositores posteriores.

[2] Giuseppe Tartini (Pirano, 1692 –Padua, 1770) foi un músico italiano, violinista, compositor e estudoso da música do seu tempo (barroco). Un dos meirandes virtuosos do violín da súa época; as súas innovacións no estudo deste instrumento non foron superadas ata a chegada de Niccolò Paganini.

[3] Pan galego, xeralmente circular e de pouca altura.

[4] Xaquín Marín publicou tres historias longas de cómic: O longo camiño de volta desde as estrelas (1975, no libro 2 viaxes, que incluía tamén unha banda de Reimundo Patiño), Ratas (1977 en español e 2006 en galego [esta é a versión orixinal, malia imprimirse despois]), Conta atrás (1988, no libro O home que falaba arameo, publicado con Patiño) e Buscando otro mundo (que non foi publicada ata 2010, no libro As dúas viaxes de Xaquín Marín, malia ter sido realizada en 1973), ademais de numerosas historias curtas. Con antecedentes antes da Guerra Civil (Castelao, Maside, Cebreiro) e mesmo a finais do século XIX (Navarro, Perelló, Carballo), o cómic galego comezou timidamente a principios da década de 1970. A primeira banda publicada era de Marín: O emigrante, que apareceu na revista Chan en marzo de 1971. Hoxe son moitos os autores galegos de fama estatal e internacional. Quizais o máis consolidado sexa Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic 2013. Entre a crecente bibliografía sobre o cómic galego destaca a tese de doutoramento de Xulio Carballo Dopico Para unha historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual (Universidade da Coruña, 2015).

[5] De Gaspariño editáronse dúas escolmas: Gaspariño (Edicións do Rueiro, 1978) e Gaspariño 2 (Xerais, 1982).

[6] Dos Pés editáronse dous libros: Cen pés (Ediciós do Castro, 1996) e Cen+cen pés (Embora, 2007).

[7] Falo en pasado, aínda que Marín segue a publicar de cando en cando algunha viñeta desta serie, porque houbo un tempo en que os Pés e o rico co pobre como montura estaban constantemente na prensa.

[8] Siro evocou a Rafael González na súa web siroartista.es, nunha entrada datada o 8 de febreiro de 2013 (“Carta a Rafael González”, http://siroartista.es/novedades/carta-a-rafael-gonzalez/#more-1216).

[9] Siro diferencia entre comicidade, sátira e humorismo, e dentro deste último, entre o humorismo benévolo e o humorismo sarcástico ou negro, coma facía Celestino Fernández de la Vega en O segredo do humor (1963).

[10] Jheronimus van Aken (Bolduque, c. 1450-1516), coñecido en España como o Bosco, foi un pintor nacido nos actuais Países Baixos, autor dunha obra excepcional tanto pola extraordinaria inventiva da súas figuracións e os asuntos tratados como pola súa técnica.

[11] Mathias Grüneswald (Wurzburgo, c. 1470-Halle, 1528) foi un pintor renacentista alemán. Pintou principalmente obras relixiosas, especialmente esceas de crucifixión sombrías e cheas de dor. As súas pinturas son coñecidas polas súas formas dramáticas, as súas cores vívidas e o seu tratamento da luz.

TEBEOAFINES
 1
  []
Creación de la ficha (2017): Siro López. Traducción de Félix Caballero. Revisión de Félix Caballero, Félix López y Alejandro Capelo. Edición de Manuel Barrero · Imágenes proporcionadas por el autor del texto.
CITA DE ESTE DOCUMENTO / CITATION:
SIRO (2017): "A arte diabólica de Xaquín Marín", en Tebeosfera, tercera época, 4 (18-IX-2017). Asociación Cultural Tebeosfera, Sevilla. Disponible en línea el 14/XII/2024 en: https://www.tebeosfera.com/documentos/a_arte_diabolica_de_xaquin_marin.html