Moscoso Cosmos

Moscoso Cosmos / MOSCOSO COSMOS. O UNIVERSO VISUAL DE VICTOR MOSCOSO

Edición:
Única
Duración:
Del 14-IV-2021 al 19-IX-2021
Localización:
San Francisco, 27 · A Coruña · España
Contacto:

Moscoso Cosmos: O universo visual de Victor Moscoso trae ao noso país unha ampla selección do traballo dun dos deseñadores gráficos máis orixinais e influíntes do século XX e é a maior exposición retrospectiva do autor ata hoxe. A presente mostra reúne a célebre serie de carteis de rock psicodélico realizados en apenas oito meses durante os anos 1966 e 1967 e catorce números da revista underground Zap Comix, editada ao longo de corenta anos con artistas como Robert Crumb ou Rick Griffin. Xunto a estes dous eixos, inclúese outra selección de carteis, cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas que completan un percorrido marcado por imaxes icónicas da segunda metade do século XX.

Distribuída en dúas salas da Fundación Luis Seoane, exporase a obra gráfica orixinal de Victor Moscoso -pertencente na súa maior parte á colección do Concello da Coruña, a maior colección pública do artista en Europa-, proxectaranse as súas animacións e instalarase unha sala dedicada aos seus espectaculares carteis cinéticos, ademais doutros elementos que axudan a comprender as particulares aportacións e método de traballo do artista.

Moscoso Cosmos: o universo visual de Victor Moscoso é unha coprodución da Fundación Luis Seoane da Coruña, o MUSAC de León e o Centro Niemeyer de Avilés, e conta coa colaboración de Acción Cultural Española (AC/E) e  Gadis.

Xunto á exposición edítase un libro en tres linguas –galego, inglés e castelán– con dirección de arte do propio Victor Moscoso. Inclúe unha introdución do crítico neoiorquino Steven Heller e un ensaio biográfico de David Carballal, comisario da exposición, escrito tras unha longa serie de conversas co artista. Trátase da monografía máis extensa sobre Victor Moscoso a día de hoxe, con preto de 200 imaxes –entre obra en catálogo, documentada e fotografías biográficas.

Victor Moscoso deseñou un cartel específico para a exposición na Fundación Luis Seoane da Coruña. Utilizando o método de imaxes superpostas que desenvolveu durante a súa etapa psicodélica, o cartel interactúa ao ser exposto baixo luz intermitente vermella e azul.

Tras o seu paso pola Fundación Luis Seoane, Moscoso Cosmos: o universo de Victor Moscoso itinerará ao MUSAC de León e ao Centro Niemeyer de Avilés.

Se organizaron visitas guiadas:

Moscoso Cosmos


Actividade para Ciclos Formativos. Requisitos técnicos: unha sala escura e un proxector dixital. Ubicación: centros educativos. Duración: 1 hora

As chaves do traballo de Victor Moscoso, os seus procesos creativos, os seus referentes visuais e conceptuais, o seu brillante traballo tipográfico, así como a influencia da súa estética no cartelismo publicitario estadounidense son algúns dos temas que formarán parte desta actividade, un percorrido virtual a través dunha selección de obras presentes na exposición retrospectiva que lle dedica a Fundación Luis Seoane á obra do artista galego, no que tamén se recrearán os seus experimentos formais coa arte óptica e cinética e se analizarán as súas aportacións ao cómic.


 
Creación de la ficha (2021): Manuel Barrero
CITA DE ESTA PÁGINA / CITATION:
Manuel Barrero (2021): "Moscoso Cosmos" en Tebeosfera. Disponible en línea el 16-V-2024 en: https://www.tebeosfera.com/promociones/moscoso_cosmos.html